Tuesday 14 de May de 2024

O Concello modifica a ordenanza para aplicar a gratuidade na escola infantil municipal ‘A Ceboliña’


• Hoxe aprobouse en pleno a proposta que permitirá modificar as normas municipais e acollerse á orde autonómica pola que a escola será gratuíta.

• Na sesión plenaria decretáronse os festivos locais para o ano 2023: 21 de febreiro e 29 de xuño.

O Concello de Miño aprobou hoxe, venres 19 de agosto, en pleno, a proposta de modificación da ordenanza fiscal número 22, que se regula a taxa da escola infantil ‘A Ceboliña’, para aplicar a gratuidade total neste servizo.

Así, o Concello acóllese á orde autonómica pola que se estende a gratuidade, que ata o de agora só beneficiaba aos segundos fillos e sucesivos, a todos os descendentes, pasando a ser un servizo totalmente gratuíto para as familias.

Ademais, non será necesario facer ningún tipo de papelada engadida xa que todas as xestións realízanse entre a Xunta de Galicia e a propia escola.

Doutra banda, na sesión plenaria decretáronse os festivos locais para o ano 2023: 21 de febreiro, martes de Entroido, e 29 de xuño, festa de San Pedro.